27 de octubre de 2022

5 poemas de Xela Arias: Do xeito en que me sinto quen de amarte - ¡Luz no delirio dos sentidos! - A LÚA - Non me conteño - Non sangue do meu sangue





Do xeito en que me sinto quen de amarte
parte un vagalume

de como non quero estudia-lo feito sublime
enteirarte do vendida qie estou á túa man
facerme preguntas

pois hai cousas das que só a noite entende
verbos consagrados á ignorancia do control

e é aí onde de certo te atopo
xa sen dolor dos días que dudo saber
our querer facer para ti         e te amo


***


¡Luz no delirio dos sentidos!
se te preciso cando te agardo non vés nunca
e a súplica que molla
                  desfai un labio
e outro labio que expira nun silencio

compártome
sei que que no lonxe das parábolas das frases
cortadas e os puntos a parte son só
medos escorrentados polo teu corpo
soberano dunha idea poderosa que 
tal vez suceda e eu non saiba quen es
ti cando te agardo

unhas mimosas podres
auscultadas da xanela ó xardín
hai tantos ruídos nesta rúa...
non tínga-lo cutis
pero ven, como te agardo


***


                     A LÚA

houbo unha vez obxectivo sen pretensións
          (Trala caída na terra chantado
          quebraba a paso das follas
          a longa lectura o epitafio errado)
          «non franqueara-lo portal dos excesos»
          -e as fallas do honor...

e todo competiu              para atoparnos
         parados                  no borde da praia
  o mar e soñando cabalos
soñando cabalos embelesados
          logo non estaban

¡séntese aprisionado! mira
dálle un verso: alquimia redobrada

houbo unha vez unha elipse que se pechaba
e un paxaro derrotado que voara

DE Denuncia do equilibrio(1986)



***


Non me conteño,
non me conteño e abato
os cormoráns contra das rochas,

Non
me
conteño
e abato
rochas e cormoráns abatibles e contidos.

E asómbraste
logo
observando, observando
se os farrapos che corresponden.

Pois se non me conteño...
era sobredose de inferno de contenidos, 
e abatibles, 
e rochas, 
e cormoráns inmensos.




***


Non sangue do meu sangue.
Non carne da miña carne.
Son a gran teta ofrecida,
a gran boca que te agarima, 
a man enorme en recollerte.
Hei ser quen che mostre e reña
por te dirixir quen sabe a onde,
anque coide procurar para ti
o máis exacto carreiro das estrelas.

E cando te despidas sabe
comparti-lo mundo cos demais.
Contigo vai
un cacho do meu traballo , tal vez algún pecado,
o meu amor todo e por riba
ti, sexas cando sexas, GRANDE.

DE Darío a diario (1996)



Poesía reunida (1982-2004)
Edicións Xerais de Galicia



No hay comentarios:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...